Sunday 05 de May de 2024

BiciCoruña retoma este martes o seu servizo para as persoas usuarias


As persoas con Tarxeta Millennium deberán rexistrarse na páxina web para activar as súas tarxetas no novo sistema

O servizo municipal de bicicletas BiciCoruña volverá estar operativo a partir deste martes 12 de xullo. As persoas usuarias do servizo con tarxeta Millennium poderán comezar a empregar a partir de mañá as novas estacións de bicicletas mecánicas e eléctricas.

Para poder acceder coa tarxeta ás novas estacións será necesario que as persoas usuarias se rexistren na páxina web bicicoruna.gal e, deste xeito, trasladen os datos da súa conta de Millennium ao novo sistema. Tras este trámite previo, as novas estacións recoñecerán a súa tarxeta e poderán acceder aos vehículos.

Por outra banda, as persoas interesadas en darse de alta en BiciCoruña deberán agardar a integración total do sistema informático coa nova aplicación móbil, que estará dispoñible nos vindeiros días.

O novo BiciCoruña
A renovación do sistema de BiciCoruña supón a incorporación de 514 bicicletas novas, das que 172 son eléctricas e 342, mecánicas. As novas bicicletas eléctricas superarán en cifras o total que había en circulación ata o de agora. Ademais, haberá un total de 990 puntos de estacionamento, con base de carga, repartidos en 55 estacións cunha capacidade mínima de 15 postos. Trátase de estacións modulares robustas e cun sistema antivandalismo. A estrutura non require obra civil, polo que son moi versátiles e permiten unha rápida instalación ou traslado.

Haberá dúas modalidades de pago: unha anual e outra ocasional. A anual terá un custo de 40 euros (3,33 euros ao mes). Non haberá pago por minuto nas bicicletas mecánicas, mentres que nas eléctricas o seu uso será gratuíto ata os 20 minutos, sempre e cando se teña posesión do abono anual. A partir desa franxa, o seu custo será dun céntimo por minuto, en tramos de dez minutos, ata chegar aos sesenta, tempo límite de uso continuado do servizo.

A partir dese momento, cobrarase unha recarga de 5 euros por hora para evitar un uso indebido de BiciCoruña. Cabe destacar que con este plan as persoas usuarias poderán volver retirar unha bicicleta dez minutos despois de usala, sen recargas adicionais.

Por outra banda, créase unha modalidade ocasional ou turística, que servirá para dar resposta á demanda das persoas que están de paso na cidade. O seu prezo será de 10 euros e permitirá usar a bicicleta durante un mes. Nesta modalidade, as bicicletas mecánicas terán un custo por minuto de 0,015 euros, mentres que o das eléctricas será de 0,03 euros por minuto. O uso máximo nesta modalidade será de dúas horas, pero non permitirá volver retirar a bicicleta da estación unha vez depositada.

As novas bicicletas son de última xeración en versión eléctrica (EFIT) e mecánica (Hybrid Fit). Priorizouse a seguridade da persoa usuaria mediante unha combinación de ergonomía, comodidade e facilidade de condución. A eléctrica ten un peso aproximado de 27,5 quilos e a mecánica, de 21,5 quilos. Dispoñen de portaequipaxes para levar obxectos persoais, tres marchas Shimano Nexus, asento axustable ata 25 centímetros, cadea protexida e un sistema de freado nas dúas rodas de tambor evolucionado de Shimano.